ANTI-TENDENCIAS| Combustion Espontánea súbese ao carro on-line

Combustión Espontánea Galería de Arte – Rock&Roll Animal
Rúa da Fonte de San Miguel (fronte ao Atlántico)
Do 10 de maio ao 10 de xuño

 

Fará cousa dunha semana, poñía enriba da mesa un posible anti-tendencias centrado no e-commerce e no pouco interese que este esperta nas Pemes compostelás. Ao tempo, tamén me propoñía incordiar, sempre de bo rollo, ás salas de exposicións e galerías da cidade instaladas, nun modelo máis clásico en canto á comercialización da arte se refire.

Na noite do mércores, coa miña cabeza non tan alonxada de todo isto, ponse no meu camiño Marta, que sacando un flyer do seu bolso, convídame á inauguración do seu innovador e prometedor proxecto. Ela definiuno, en primeira instancia, coma unha «galería de arte efímera», que ademais desenvolvería a meirande parte da súa actividade comercial a través dunha plataforma on-line. Touchée!

InauguraciónCombustión Espontánea Galería de Arte abriu as súas portas o pasado venres 10 de maio facendo alarde dun poder de convocatoria pouco propio destes eventos. Voltabamos despois de pouco máis dun ano ao local onde Mario e Abel eran Isidoro&Ramiro e no que, entre sushi e brownies, Marta estreábase como comisaria rodeada de amigos e curiosos coma min.

A idea comezou a xestarse meses atrás cando Marta López manifestou o seu desexo de comisariar unha exposición coas ilustracións de Santiago Paredes, un artista novel pontevedrés que bebe da publicidade e da cultura rock e desenvolve a súa obra explorando diversos soportes e técnicas. Paga a pena botarlle un ollo ás súas propostas no seu blog e aproveitar a oportunidade de coñecelas in situ en Combustión Espontánea, onde me chamou a atención o logotipo para Foxy Freire e as ilustracións de tinta augada sobre papel. Os seus traballos xa foron publicados e avalados en medios como a revista Dot, entre outros.

A andaina non foi tan doada. Como apuntabamos, a idea era comisariar os traballos de Santiago, non abrir unha galería de arte de curta duración en pleno casco vello de Compostela. Combustión Espontánea nace como consecuencia da negativa de diversas galerías de acoller un traballo fresco, alegando un suposto insuficiente percorrido profesional tanto da comisaria coma do artista.Inauguración

Tralo primeiro golpe non houbo K.O. e puxéronse en marcha para atopar un bo local coa fin de expoñer durante un mes, algo que tampouco resultou sinxelo, posto que moitos dos propietarios rexeitaron de inmediato unha oferta cunha duración tan limitada. Imaxinamos que foron estes obstáculos os que tamén os animaron a enviar a proposta a unha reputada galería de Madrid e, o que lles parecía «probar sorte», resultou ser unha consolidación da súa idea acordando unha continuación da mesma. 


Aposta pola venda on-line

As perspectivas de futuro de Combustión Espontánea van máis lonxe. Ao tratarse do que poderiamos dar en chamar unha «galería de arte itinerante», a idea é pechar boa parte das vendas na web, sen chegar a privar ao consumidor de contemplar as obras no seu hábitat natural. Esta especie de tournée aínda está por definir, pero manterémosvos informados. 

Dúas de dúas. Marta puxo en xaque o meu plan malévolo de dar cera ás galerías e aos negocios que se desentenden por completo do e-commerce e dos social-media. Cun leitmotiv moi diferenciado, Combustión Espontánea parece ter claro que no negocio da arte tamén se debe innovar e poñer en cuestión os modelos establecidos en Santiago neste campo. Nun interesante intercambio de opinións coa comisaria, chegamos a comparar o traballo de «vender arte» coa súa ocupación de dependenta na Reixa Tenda. Por que non? Parece unha postura intelixente e nada pretenciosa cando o que queres é facer deste competitivo negocio o teu medio de vida.

Fotos de Monster Kid

Fotos de Monster Kid

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: