Riscos que pagan a pena

MUJERES E WILD BALBINA
21.12.2012
Zona C

Chegamos tarde. Non é que non tiveramos interese en ver as bandas, pero traemos a impuntualidade de serie (algo moi moderno).

A miña curiosidade era relativa. Partía dunha ignorancia absoluta. Escoitara os grupos dez minutos antes de saír da casa, disto que te sentes culpable, ou máis ben farsante, por ir ao concerto sen ningún coñecemento previo. É como a vida mesma. Cadaquén sabe os riscos que está disposto a correr.

En clave persoal, se o aspecto económico e o axetreo do día a día mo permiten, gústame aventurarme á hora de consumir música e asistir a concertos. Eu, e moita xente, imaxino. A veces levas un pao, pero a satisfacción que sentes cando sae ben presta tanto que compensa todo o demais.

Leo no Whattsapp”Imos ao concerto do fin do mundo? Tocan dous grupos que teñen moi boa pinta!”.

Así comezou todo.

Ao que ía. Entramos na Zona C e os Wild Balbina xa levaban un par de cancións. Pese as malas condicións da sala (pésima visión e son un pouco de garaxe), puidemos captar a esencia da banda, baseada en temas directos e moi noise. Lo-fi de manual. Había tempo que non escoitaba nada do xénero.  Concretamente, desde o concerto das Vivian Girls en Vigo hai case dous anos. Nos directos dese estilo créase unha atmósfera especial, allea a todo o que alí acontece. ”Cando escoito esta música, penso no verán, na praia”, dixéronme. Exactamente iso: Evasión.

Tres voces moi ben acompasadas con harmonías noventeiras, subindo e baixando por riba do barullo creado polas guitarras, foron suficientes para transportarnos. E mentres uns, no público, nos deixabamos levar por esas pegadizas melodías, outros, máis estáticos, analizaban rigurosamente o que acontecía enriba do escenario.

E cando os impuntuais de serie estabamos totalmente inmersos no ambiente, as guitarras deixaron de soar. Minutos despois, e tras colocar a bandeira coa insignia dos cataláns, comezou o directo dos enérxicos Mujeres.

mujeres2mujeres voz

Outra sorpresa, e das boas.

En canto soaron as primeiras notas, comprendín o porque do cuasi-completo na sala. Se cos Wild Balbina era difícil non mover a cabeza, os pés, ou algo, con Mujeres era totalmente imposible. Mesmo algún deses ‘estáticos’, comezou a dar sinais de vida. O concerto prometía.

Unha mestura de son surfeiro (tremendo solista!), garage, rock & roll, pop sixties (How I Am, Seattle Waves), rockabilly (Far Away) e moitas etiquetas que non veñen ao caso e dan bastante o mesmo. O que interesa. Soaba moi ben e coa posta en escea xa caín rendida aos seus pés: un guitarrista sen camiseta a 15 minutos de comezar o concerto, un batería desbocado, un cantante deixando a voz no escenario… Espectáculo con todas as letras e co que todo o público estaba a divertirse.

Dous temas do setlist impactáronme especialmente. Soft Gems, cunha áxil vocalización que me lembrou ao hiperversionado Surfin Bird; e a rapidísima Salvaje (apenas chega ao minuto e medio), a única en español do repertorio.

mujeres

Concertazo, e sen ter que suplicar bises. Todo rodado, sen pausas. E para rematar, deixando o listón ben alto, unha versionaza de Demolición, de Los Saicos.

O dito, o risco presta, e ás veces, mesmo paga a pena.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: