SAUDADES DE COMPOSTELA | VOL.1

Para maiores e non tan maiores. O comercio en Compostela ten raizame. Pequenos locais cheos de artesanía e historia rexentados por familias de hoxe e de onte, que enchen as rúas do noso casco histórico de encanto e savoir-faire do de antano.

Baixando pola transitada rúa da Algalia, chegamos ao número 9 da Praza de Cervantes. O Ultramarinos Cepeda abastece aos composteláns de productos de primeira calidade dende tempos inmemoriais. Un pequeno local presidido por un mostrador dos de antes, no que sempre atoparedes a típica escena, case costumbrista, da señora coa carteira baixo o brazo poñendose ao día dos últimos ‘chismes’ coa rexente do comercio. Os hits de Cepeda: o seu chourizo recén cortado e as especias para callos a granel.

Xa na rúa Nova temos dúas paradas imprescindibles. A primeira: La Casa Bonita. Non deixedes de botar un ollo a esta tenda chea de agullas e ovillos para a nobre arte da calceta. Estantes repletos de lás de tódalas cores e composicións para facer realidade as vosas prendas máis quentiñas para estes meses que seguen. Se continuades camiñando atoparedes o que, para min, é a xoia da corona da nosa cidade: a Sastrería Pepecillo, o mellor exemplo do bo facer dun artesán. Ismael López leva detrás do mostrador máis de 50 anos, aínda que a tenda foi xa fundada polo seu pai no 1922 na rúa de San Pedro, e o seu nome débese a que así o chamaban: Pepecillo. Don Ismael comezou a súa andaina como sastre aos 12 anos e, dende entón, a dedicación e o cariño que pon en cada prenda son sinais de identidade para o negocio. Cortes e materiais exquisitos, todo tipo de traxes, capas de Santiago, togas académicas, camisas, corbatas… Todo un pracer, como quedan poucos no pequeno comercio da moda, ver traballar a este home.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Seguimos dirección Praza do Toural e collemos o mítico atallo cara a rúa do Vilar por Entrerrúas para deleitarnos cos doces da Pastelería Mercedes Mora, fundada no ano 1927. É tanta a súa historia que se sabe que foi José Mora, o fundador de Casa Mora, o que incorporou a cruz de Santiago co sucre glaseado ao mítico pastel de améndoas compostelán. Pasou por moitas mans este negocio reposteiro no que se conservan as receitas da coñecida Mercedes. A crema pasteleira e o merenge da Mora podería ser o equivalente compostelán á fórmula da Coca-Cola. Bombas de crema, canas fritidas, merengues, bombóns e turróns artesáns… En Acouga! fáisenos a boca auga só de pensalo.

Facemos unha paradiña para tomar un delicioso café no número 29 do Vilar: o Café Paradiso. Este é o negocio máis novo de todos os que estamos a nomear, data do ano 1976. Está un pouco escondido, pero paga a pena visitalo e desfrutar do seu trato familiar e persoal. Perfecto lugar para alongar o café da mañá e desfrutar da súa tranquilidade e do seu trato cercano.

E non nos esquecemos da lonxeva Sombrerería Iglesias. Fundada no 1912, resiste o paso dos anos reinventándose sen renunciar ao que foi e segue sendo. Un pequeno local repleto de caixas color bourdeux nas que se agochan unha gran variedade de sombreiros. Mítica, case máxica.

Isto e moito máis fan que Compostela non esqueza o que foi e nos regale estes anaquiños de nostalxia.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: