ANTI-TENDENCIAS| 1999

Comezou e rematou. O fenómeno hipster pode considerarse unha ficción máis dentro desta última década. O bohemio, o indie, o naïf… todo converxe nun estilo de vida do que, despois de todo, só podemos aportar unha definición estética. Visto na rúa! Frondosas barbas de leñador, septums, prendas do pasado e pantalóns que ameazan posibles descendencias son algúns dos elementos que os distinguen.

Ilutración: Mireia Fernández

Comecemos polo principio. Algúns sociólogos sitúan aos primeiros hipsters da nosa década no 1999 na cidade que nunca durme. Puntualizamos ‘da nosa década’ posto que falamos dun termo roubado. Ao longo da historia o hipster atribuíase a individuos, polo xeral de grupos marxinais, que levaban a cabo unha loita activa. O exemplo máis claro son as reivindicacións nos propios ghethos afroamericanos co jazz, na década de 1940’s, e posteriormente co hip-hop. Sen profundizar nestes contextos podemos afirmar, sen medo a equivocarnos, que o hipster do 2000 esquecerase e non debería ter ningún tipo de repercusión histórica como a tiveron outras subculuturas ao longo do século XX.

Toda subculutura fora do seu contexto deixa de ser o que é para convertirse nunha mera cuestión estética; unha pretensión. Neste punto, o movemento hipster é sinxelo de indentificar por tratarse dunha reacción totalmente vacua ao momento que vivimos. A frivolidade, o nihilismo, a ironía e un superficial interese por temas como a arte, a política ou a situación económica actual defíneno á perfección. Todo isto é coñecido no noso día a día como o ‘postureo’. O devir das tendencias nos nosos tempos pode facer de este ‘querer e non poder’ un motivo de frustración por non ser quen de estar sempre actualizado en canto á música que deben escoitar, a roupa que deben vestir, o que deben ler, o que deben ver ou os locais que deben frecuentar para estar dentro. Con todo isto, renegan; non son hipsters, non son nada. Queren estar fora e dentro e mesmo utilizan o termo cun carácter despectivo, posiblemente como o estou facendo eu neste texto de xeito case inconsciente. En canto ao perfil profesional, non sería quen de dar un en concreto, pero resulta irrisorio ver como nos últimos anos parece que todo o mundo é dj, videoartista ou fotógrafo.

A fotografía enmarca o que, para min, é o punto álxido deste movemento. As instantáneas de festas e os autorretratos fotográficos son claramente a modalidade de arte amateur máis popular entre os hipsters. A finalidade? Ser vistos, recoñecidos e mesmo admirados. Polo xeral estas fotografías volven ao vocabulario visual da Polaroid e outras cámaras analóxicas como a Fisheye. É posible que esta volta ao retro, non só na fotografía, si que responda a unha certa nostalxia que nos leva a pensar que calquera tempo pasado foi mellor, ou mesmo a un certo complexo de inferioridade coas subculturas que nos preceden.

Enténdese que toda negación do poder é inevitablemente unha acción estética, e de aí a gran maioría das subculturas xurdidas no século pasado, pero… contra que se rebela o hipster? Hai algo detrás ou neste caso saltámonos o paso da negación do sistema establecido para pasar directamente ao estético? E de ser así, non estariamos a falar dunha simple tendencia ou moda que non vai ter ningunha repercusión na historia? Para moitos antropólogos urbanos o hipster non é máis que un xove que viste de xeito divertido, de feito, o estereotipo que quedou máis claro ata o momento é o que xurdiu fai máis de dez anos no barrio de Williamsburg ou no Lower East Side. Permitídeme puntualizar algúns elementos imprescindibles deste: as gorras de camioneiro, as camisetas interiores sen nada enriba, bigotes estilo actor porno dos 70’s, gafas de piloto, tatuaxes, calcetíns de deporte…

Toman prestados diversos elementos de décadas pasadas sen chegar a reparar no que significaron no seu contexto e enfrontan a vida cunha ironía que, na meirande parte dos casos, non é máis que un mecanismo de defensa. Está claro que tampouco podemos falar dun fenómeno xeneracional, xa que, por definición, o verdadeiro hipster sempre se desvinculará do movemento e nunca recoñecerá ser hipster. Con todo isto, non sería unha loucura anticipar que o fenómeno non vai ter ninguna repercusión nas xeracións vindeiras por ser un estilo de vida que se retroalimenta de todo e de nada.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: