De terraceo Vol. I

En Acouga!  queremos pospoñer a fin do verán o máximo posible, e para alongar esa sensación estival, ofrecemos hoxe unha selección das mellores terrazas compostelás onde poder xantar, cear, tomar un café ou mesmo unhas cervexiñas cando o sol comeza a desaparecer.

 

 1. MUÍÑO DO LERMO

A terraza do Muíño do Lermo, situado no Lugar do Lermo, preto de Vista Alegre, é unha boa opción para relaxarse á beira do río, acompañado por un rico café de pota ou unha cunca de viño. De seguro poderás atopar sitio na gran mesa de pedra, baixo a parra, onde se reúnen a diario os fans da chave para xogar unhas partidas os días que o sol dá unha tregua.

E se o bandullo comeza a dar a tabarra podes probar as exquisitas especialidades deste peculiar lugar. Tortilla, chipiróns, lacón picantiño ou cundentes tablas de embutidos.

2. ENTRERRÚAS – A TULLA

Esta agochada terraza atópase en pleno centro compostelán, no casco vello, entre a Rúa do Vilar e a Rúa Nova, nese atallo que moitos de vós conoceredes.

 Este recunchiño é escollido por moitos para xantar (hai menús do día bastante económicos) ou para tomar ese vermú que abre o apetito. Compartido polos restaurantes Entrerrúas e A Tulla, é un lugar moi agradable para os días de verán, pois permite aproveitar o bo tempo á sombra ou ao sol, segundo escollas sombrilla ou non.

 


3
. GRANXA DO XESTO

 En pleno Monte Pedroso atópase a Granxa do Xesto, un agradable lugar que conta con terraza, parque infantil e uns exóticos lagos que atraen a atención de calquera que se achega ata alí.

Nesta espaciosa terraza reúnense todo aquel ao que lle apetece gozar da natureza e respirar aire puro mentres toma un refrixerio alonxado do barullo da cidade.

Tamén hai zonas habilitadas para facer picnic, con mesas e bancos de pedra.

4. MARÍA CASTAÑA

O María Castaña, todo un clásico da cidade, vén de inaugurar hai ben pouquiño a súa terraza, na Rúa da Raíña. Se comer no seu comedor xa era un pracer, gozar dos seus suculentos pratos ao aire libre é un luxo asequible para tódolos petos.

Chipiróns, revoltos de algas, chourizo ao viño ou ameixas son só algunhas das súas especialidades. Aproveita e degústaas nesta fabulosa terraza, aínda que procura ser paciente, pois adoita haber que esperar un chisquiño para atopar mesa.

 

 5. COSTA VELLA

Unha das terrazas máis coñecidas e fermosas da cidade é a do Hotel Costa Vella, na Rúa Porta da Pena. Entre a frondosa vexetación atópanse mesas, sillas e bancos para acomodarse mentres un se refuxia do rebumbio da cidade neste recuncho de natureza.

 Este lugar é escollido por vellos e novos para almorzar (son recomendables as súas tostas en forno de pedra) ou para o café de media tarde.

 

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: