Tapiñas en Compostela: Hervor&Fervor

Inauguramos o mes de agosto en busca de plans perfectos para cear ao fresco por poucos euros. Quen rexeita un bo petisco tras voltar da praia ou saír do traballo?

Como sabemos que non se vos escapa ningún bar de tapeo gratuito, imos apostar por un sitio que ofrece excelente calidade-prezo lonxe dos chasquis e as patacas fritas de bolsa.

Na Rúa do Hospitaliño atopamos o Hervor&Fervor, un local de cócteis, tostas e lecer cultural que leva aberto en Compostela aproximadamente ano e medio.

Micro aberto os domingos á noitiña, catas de viños, clubs de lectura e, proximamente, clases abertas de inglés son algúns dos entretementos que podes atopar ao longo da semana neste café da zona vella.

Entre o seu menú, recomendámosvos a selección de patés vexetais (oliva negra, pemento vermello con cebola caramelizada e o de humus) que veñen acompañados de distintos tipos de pan: tostas pequeniñas, baguette e pan de sésamo. Un pequeno aperitivo para dúas ou tres persoas por 3 euros. E ollo que os patés son feitos na casa!

Para unha boa cea, podes optar por acompañalos con algunha das tostas de pan de centeo (entre 3 e 5 euros cada unha) e que son máis que cundentes. Recomendámosvos probar a tosta de sardiña (acompañada de tomate, especias e pipas) ou a de queixo con cebola caramelizada. Xunto con unhas cañas, asegurámosvos que iredes máis que ben ceados para a casa.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Para pecar

A especialidade do Hervor&Fervor son os cócteis e alí podes atopar unha incrible variedade de bebidas de todo tipo. Dende Bloody Marys e Sex on the Beach por 5 euros, até unha inxente cantidade de tés e mesmo caipirinhas e daiquiris sen alcohol, e que son dignos de xerar adición. Confesamos que nos gustaron moito.

Máis que dignos de mención son tamén os postres caseiros. Nós tivemos o gusto de probar un exquisito coulant de chocolate, distintos tipos de trufas (tradicionais, chocolate branco, recheas de xema de ovo…) e unha pequena sorpresa:  pastel do demo. Unha explosión chocolateira con excelente presentación e acompañada dun toquiño de fresa e menta, que eu non deixaría pasar de largo.

Importantísimo o feito de que todo é made in na casa, e que o ambiente do local é estupendo. Ah! E tamén tedes exposicións de pintura a cotío. Que máis se pode pedir?

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: