Ascensión 2012: unha festa para todos?

Esta semana comezan as Festas da Ascensión, cunha programación, que dende o noso punto de vista, deixa bastante que desexar no que ao musical se refire.

Partimos dun contexto económico que non nos favorece. Sabémolo, e por esa razón podería parecer lóxico que se reducisen o número de actuacións. De feito é unha excusa perfecta para explicar o que fixo o Concello este ano: Organizar menos concertos e reducir gastos a base de diminuír a variedade musical, homoxeneizar os gustos e ofrecer mainstream para todos.

En que deriva isto? Nunha programación basada en concertos 40 Principales e Cadena 100 e que prescinde de xéneros máis alternativos, do mesmo xeito que da música feita en Galicia. Así que se che gusta o pop-rock (como o chaman eles) das radiofórmulas terás plan. Se non, eche mellor quedar na casa porque este ano non hai demasiadas opcións.

Que foi daqueles concertos no Toural e en Cervantes nos que podía soar dende rockabilly ata música tradicional? Ou as actuacións con acento galego do Campus Sur?

Non pedimos ao Concello que tolee facendo contas e invirta millóns en grupos internacionais, ou un pouco máis alternativos. Só queremos que faiga un esforzo maior no que a búsqueda se refire e traia a Compostela alternativas diferentes para que todo o mundo poida desfrutar dunhas festas, que se supón, son de todos. Os cartos, para o caso, que os poña, a xente interesada, pero polo menos que exista a opción de escoitar a música que che gusta. É dicir, máis variedade aínda que sexan concertos de pago.

Noutras ocasións xa se leva feito. O chamado ‘Rock na Ascensión’, por exemplo, trouxo á cidade a grupos coma Def Con Dos, Mago de Oz, Warcry, Barón Rojo, Rosendo…que de seguro non serán do gusto de todos, pero polo menos aportan un pouco de variedade ao asunto. Co mesmo obxectivo creouse o ‘Pop na Ascensión’ con Sidonie, Niños Mutantes ou Arizona Baby.

A opción deste ano é o Festival Son A que trae a Novedades Carminha, The Blows, Eladio y los Seres Queridos, Xoel López, Iván Ferreiro e Triángulo de Amor Bizarro, que aproveita descaradamente o tirón que está a ter o chamado ‘indie’. Dende o meu punto de vista este é un cartel bastante explotado xa, mesmo reseso, visto en moitos festivais nos últimos cinco ou seis anos, pero comprobouse que funciona, e non están os tempos para arriscar no que ao peto se refire. Ademais, véndese como o festival do talento musical galego cando a realidade é que centos de grupos en Galicia están pasando desapercibidos, e mesmo ignorados aos ollos dos organizadores.

Chamádeme sectaria, pero sinto nostalxia doutras épocas nas que se apostaba polo talento galego con festivais formados por bandas noveis, que tiñan nesta, unha oportunidade para darse a coñecer. Ou outros grupos con máis experiencia que estaban a facerse o seu camiño dentro do mundiño da música.

Penso que esa é unha das funcións dun organismo público coma é o Concello. Apostar pola diversidade e conseguir, deste xeito, que os cidadáns poidamos desfrutar das festas. O de investir, neste caso, é unha tarefa de todos.

Polo de agora non queda outra que resignarse e levar como lema o ‘éche o que hai’ xa que as opcións son poucas: Amaia Montero, Despistaos, Huecco, Celtas Cortos ou Nach.

E senón unha volta na noria e unhas peciñas diante da orquestra e a afogar penas.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: