ANTI-TENDENCIAS | «NON SE ACEPTAN PETICIÓNS MUSICAIS»

Que ocorre coa música nos locais de Compostela? A todos nos engancha esta cidade, sobre todo as súas noites, pero algo falla. Sen ánimo de sinalar a ninguén, creo que moitos coincidiredes en que os que pinchan a música non sempre están todo o inspirados que deberían. Se a nosa memoria fose olfactiva, lembrariamos as nosas noites en Compostela cun certo cheiro a “humanidade”, sobre todo dende que aprobaran a lei antitabaco. Se fose o tacto o que nos acordara esas saídas nocturnas, pois alá cada un co que fixera. Pero se fose auditiva, abofé que nos lembrariamos de tódalas noites, xa que serían todas iguais.

Nunha desas noites cheas de bo rollo e licor café é ben probable que escoitedes un mínimo de dúas veces Klaxons, Black Keys, The Strokes, MGMT… Son bos grupos, moi bos de feito, pero Lonly boy sae xa nas promos de Divinity e escoitala unha ou dúas veces na noite é máis que suficiente. Non son os Two Door Cinema Club os que aburren, aburren os que os pinchan ata esgotar as cinco reproduccións do Spotify nunha noite. Aburre que sendo sempre os mesmos os que están diante da mesa de mesturas non fagan por innovar, e os que si aportan algo novo pinchan de xeito moi ocasional.

Os eventos de moda pasan o filtro de coolhunters, xornalistas especializados, egobloggers e gurús para poñer á nosa disposición as tendencias dictadas nesas selectas presentacións. Do mesmo xeito, debería ser obriga dos que pinchan nos locais máis transitados da noite facer que o seu Mac bote fume para que cada fin de semana escoitemos temazos inéditos recén chegados dos mellores clubes e locais do mundo. A nosa é unha cidade plagada de univeritarios sedentos das últimas tendencias, non só no vestir, senón tamén en que ver, visitar ou escoitar. Trátase dun público máis esixente do que moitos pensan e ao que de seguro lle fascinaría volcar gigas de grupos novos cada semana nos seus Ipods. O certo é que non sería tan complicado satisfacer esta demanda, xa que as webs e listas de reproducción de clubes como Fabric (London), Razzmatazz (Barcelona), Watergate (Berlín) ou Womb (Tokio) están en constante actualización e a música que nestes se pincha podería escoitarse nas nosas noites case de xeito inmediato.

Non pedimos tanto, un pouco de interese polo que fan. Moitos non pasan de poñer un tema detrás doutro, crossfade e a pechar. Que non se acomoden, que xoguen a ser dictadores de tendencias no que a música se refire. E xa por último, se non é moito pedir, que engadan un pouco de eclecticismo musical a esas noites… Aínda que soe manido, na variedade está o gusto.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: