Apoio vitamínico ao galego

A plataforma Vitaminas para o Galego celebra este venres un festival artístico protagonizado pola poesía e a música. Será no Centro Social A Gentalha do Pichel e comezará cun recital poético no que participarán Xia Arias, Olalla Cociña, Alicia Fernández e Gonzálo Hermo, seguido polo concerto de Terbutalina, que aproveitará a ocasión para presentar novos temas.

Vitaminas para o galego é unha iniciativa impulsada polos medios de comunicación na nosa lingua que pretende poñer en valor a pluralidade lingüística e de medios en galego nun momento no que os apoios son cada vez máis escasos.  A campaña pretende captar o apoio de todo aquel que sinta preocupación pola situación do galego e do seu uso, para, deste xeito, axudar a difundir esta idea polas diferentes vilas galegas.

Un bo xeito de facelo? Acudir a esta festa e aportar o teu grao de area. As entradas anticipadas costan 4 euros (mércaas no C.S. O Pichel, A Reixa,  a Casa das Crechas e o Restaurante Rúa)  e se agardas ata o día do concerto, 5 euros . Para os que queiran aportar un chisquiño máis haberá un fila cero a 10 euros.

Esta plataforma duplicou o seu obxectivo inicial chegando a recadar 6.800 euros na primeira fase da campaña. Esa cantidade foi destinada a sufragar o mantemento da propia campaña e dos medios en galego. Impulsan a iniciativa Galicia ConfidencialTempos NovosRadiofusiónPraza PúblicaNovas da GalizaVal Miñor.info e Quepasanacosta.  Tamén colaboran Xornal Certo , O Sil.infoCrónica 3 , Radio Nordés , Terra Chá.Xa , Crónicas da Comarca , Surf GZ , Cardenos de Comunicación e Análise ,Lalín e Comarca , Hermes e Atenea , Disquecool , De Luns a Venres , Cabozo.com , Vencello , Cartafol , A nova Peneira , Programa radio Plástico Elástico , Cerne, terra de Melide e Gaceta de Fene.

Non o dubides e colabora con esta iniciativa de apoio ós medios en lingua galega. Lembra, venres 27 de abril ás 22:00 horas na Gentalha do Pichel.

** Podes ler a entrevista realizada a Terbutalina en Praza Pública ou escoitar as respostas de Samuel Terbutalino no Viraventos.


Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: