Comeza o Curtocircuíto 2012

O Curtocircuíto, festival de curtametraxes máis esperado, chega a Compostela na súa IX edición cun programa cheo de actividades que se levarán a cabo entre o 2 e o 11 de maio. Nesta ocasión, o país convidado é Rumanía que protagonizará catro xornadas de proxeccións e unha mesa redonda.

O concurso, ao que se presentaron máis de 2.645 curtas procedentes de 91 países, finalmente seleccionou 100 traballos que poderán optar a premios de ata 1.500 € nas diferentes categorías (Competición Internacional, Explora-Aqualogy, Compostelae, Galega, Escolas Galegas-ACME e Premios especiais). Os encargados de escoller aos gañadores son cinco xurados compostos por distintos profesionais do medio cinematográfico.

O curtocircuíto tamén acollerá unha serie de oito concertos do máis heteroxéneo que ocuparán os escenarios do Teatro Principal, a Zona C,  o espazo gastronómico Abastos e a Sala Capitol. Na próxima semana chegarán á cidade, entre outros, Dúo Cobra, La Débil, Fasenuova ademais de bandas da talla dos Toy Dolls que estarán acompañados polos composteláns Novedades Carminha.

O programa inclúe tamén un obradoiro de efectos especiais de maquillaxe impartido polo artista Alberto Hortas e unha clase maxistral sobre guión e ciencia ficción con Sergi Belbel. Ámbalas dúas actividades realizaranse na Fundación Autor.

As entradas para as proxeccións teñen un prezo de 2 € aínda que se o prefires podes adquirir o bono para cinco sesións por só 5 €. Están á venda no despacho de billetes do Teatro Principal o mesmo día da proxección.  As curtas da Zona C e Abastos EGC son de balde. Para informarte dos prezos dos concertos consulta a nosa axenda.


Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: