Almorzos en Compostela | Ciber-café Bendaña

Faga frío ou calor, o ciber-café Bendaña ofréceche almorzos para combater os elementos.

Para os días de chuvia compostelana recomendámosche a versión quente: un chocolate espesiño (doce aínda sen engadirlle azucre) e uns churriños, é unha boa forma de comezar a mañá. Se pola contra, o día está fachendoso e loce o sol, non lle fagas ascos a un dos enormes batidos da cafetería: fresa, vainilla, stracciatella, nata, chocolate ou limón.  E se aínda tes sitio no bandullo, recomendámosche os donuts, que son dos máis frescos e xugosiños que podes atopar na cidade.

A cafetería Bendaña é grande e espaciosa, iluminada pese a ser interior e está moi ben coidada. Conserva á vista a pedra orixinal do edificio e dalle un toque moderno de madeira e cores cálidas, enérxicas. Mesmo tes un punto de acceso a internet ó lado da porta (no exterior) por se non levas o portátil enriba.

Para os que teñen bo saque a primeira hora da mañá, hai tamén dous almorzos especiais por 4,5 e 3,5€ respectivamente. O primeiro, de gran embergadura, conta cun sándwich ou bocatín de (chourizo ou xamón iorque, ambos con queixo), zume natural e café dobre. E o segundo, máis moderado, con café dobre e bollería, podendo elixir entre palmeira, magdalenas, croissant, donut ou tostadas.

Bo ambiente en plena zona vella, tamén con terraza, aínda que cómpre avisar que o prezo dos almorzos sube 0,50€ se te serven nela. Unha cafetería que pasa case desapercibida dende a rúa, pero que convén visitar alomenos unha vez se vives en Compostela. Aínda cos prezos parten dos 3€, paga a pena pasar por alí de vez en cando.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: