O teatro máis galardoado chega a Compostela

A XVI edición dos premios María Casares, celebrada onte no Teatro Rosalía da Coruña, espallou galardóns entre as diferentes compañías teatrais galegas, arrasando dúas especialmente. Falamos de Chévere coa obra Citizen Total e Producións Teatrais Excéntricas con Oeste Solitario. Afortunadamente, estes dous traballos chegarán aos teatros composteláns durante os próximos meses para que poidas desfrutar do mellor teatro galego.

Dunha beira Citizen total  acadou cinco galardóns. Esta peza, que ocupará o escenario do Teatro Principal durante os días 25, 26 e 27 maio, recibiu os premios ao mellor espectáculo, mellor dirección (Xesús Ron), mellor actriz protagonista (Patricia de Lorenzo) e secundaria (Mónica García) e mellor música orixinal (Xacobe Martínez Antelo).

Outra das triunfadoras da noite foi Oeste Solitario, que levou o galardón ao mellor actor protagonista para Evaristo Calvo, entre outros. Tamén terás oportunidade de vela no Salón Teatro ben pronto, o 20, 21 e 22 de abril.

Agora só che queda comprobar por tí mesmo a alta calidade do teatro galego. Vaste quedar sen velas?

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: