Auténtico rock do país

A Sala Capitol amosou este sábado o cartel de “non hai entradas” e despediu o mes de marzo acollendo a unhas 800 persoas que quixeron gozar dunha noite parrandeira bailando e cantado coa música feita aquí.

Foron puntuais os Medomedá, que coa melodía de Titanic saíron a escea ás 21:30 horas. A ritmo de I want it all de Queen corearon “Me-do-me-dá”, e co seu peculiar estilismo deixaron claro a tónica que marcarían o resto do concerto.

Durante unha hora déulles tempo a estes ghamberros a tocar unha ducia de temas, a tirarlle os trastos a máis dalgunha espectadora e facer coreografías ben “sesis” que nos conquistaron a tod@s.

Alí nin dios calou. Berramos, cantamos, bailamos con cancións como: Quero ver como te rís, Un polvo botábao ou Tutú.  Mesmo lembramos a nosa infancia con Songoku.

Para o final deixaron un popurrí setentero. Black is black, Abanibí Aboebe e Corazón contento, foron algúns dos temazos que versionaron, e despedíronnos brindando con Larios Compartidos.

E para que confesarámo-los nosos pecados, rezaron un Tú has venido a la orilla e berraron ós catro ventos: “que poñan barras nas igrexas!” có tema Practicante ocasional.

Ás 23:00 horas foi o momentazo para Ruxe-Ruxe. Con 16 anos de carreira presentaron o seu oitavo traballo Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras.

Embruxados coa música de Suso Vaamonde, saíron ó escenario e comezaron o “show” cun tema do último disco, titulado Rock do país. A intensidade non decaeu en ningún momento e foron dúas horas cheas de boa música, de espectáculo sentido, mostra do enxebrismo máis absoluto.

Presumiron de ver no concerto máis rapazas que rapaces e pedíronnos cantar con eles a Carolina.

Os de Aríns deixaron claro que a música galega é xigante. Sorprendéronnos con moreas de invitados que quixeron compartir con eles escenario. Os Dios ke te crew, Bocixa de Zënzar, Roi de Quempallou e Xabier Díaz aportaron a súa propia esencia musical.

Para acaba-lo aquelarre, os Ruxe-Ruxe tocaron “Medio meiga”.

Foi fermoso e é de valorar enormemente o apoio que este grupo lle da á música galega actual e tradicional. Non deixaron de recordar que a nosa cultura é fundamental para non esquecer quenes somos. Animaron ó público a non rendirse nunca e a loitar pola nosa liberdade.

Fixérono como máis lles gusta, facendo música e compartíndoa con nós demostrando que os sons do país deben acadar a importancia que merecen.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: