Xeroglifos de grafito

Lápis de grafito e cartulina negra en man é o único que necesita Jose A. Rodinandez para levarnos de volta ó Alto Imperio exipcio. «La eterna sabiduría de los hombres del Nilo» é unha peculiar exposición que enche este mes as paredes do Garigolo, dotándoo do aire místico que sempre acompaña a esta antiga civilización.

Labregos, faraóns, animais e deuses compoñen un mosaico de imaxes que ben podería proceder do antigo Libro dos Mortosmais as pezas non son copias deste, senón creacións orixinais do autor. Inspirado na estética dos antigos baixorrelevos, Rodinandez crea a súa persoal visión dos valores do antigo Exipto, que considera universais e extrapolables ó mundo actual.

A sinxeleza do trazo e a complexidade da composición, xeométrica e limpa, consegue un peculiar efecto sobre o fondo negro da cartulina. Ás veces oculto e ás veces brillante, segundo a incidencia da luz, cada unha das pezas obriga ó espectador a adentrarse nas súas liñas, no seu título e na súa peculiar visión da sabedoría. Unha enigmática exposición que podes disfrutar até o día 31.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: