E para cear…filloas!

Semella que os galegos traemos o tema gastronómico xa de serie, e senón que llo digan ás escasas corenta persoas que se reuniron o pasado mércores na Moon para ver en directo a Pito de Pikasso e Terbutalina. Doutra cousa non, pero alí de comida falouse. E non pouco. Touciño, ovos, e sobre todo filloas! Moitas filloas!

Malia ser poucos os presentes, os Pito de Pikasso enfrontáronse a semellante panorama pondo enriba do escenario todo o rock & roll necesario para animar a festa en condicións. Interpretaron temas dos seus dous discos, “KRAKSH!¡!” (2009)  e “De perrecho a capitán” (2011) soando, entre outras,  “Boura”, “Mr McQueen”, “Fixen filloas”, “Pepinho” e “La trágica historia del niño huevo”, cun son que recordaba aos Siniestro Total de finais dos oitenta pero que en ocasións pecaba de excesivos solos de guitarra. Como vén sendo habitual nos seus concertos, Luko, cabeza de grupo,  foise desfacendo desas prendas que lle ían sobrando de xeito gradual acadando o seu obxectivo: non deixar impasible a ninguén.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Fixo falta que comezaran a soar os primeiros acordes dos de Muros, para que ese público adormecido espertara definitivamente e aquilo deixara de parecer un enterro. Mesmo cun Miguel Terbutalino lesionado, os expertos do gastropunk espremeron o “Broncodilatador” (2011) ao máximo facendo botar aos asistentes a base de pegadizos refráns coma  “Canto moderno!”, “Cura de la hostia” ou “Oa oa oa oa quero ser unha filloa!”. Sesenta minutos de polémicas letras e gorxas desgarradas ao máis puro estilo Herdeiros que puxo fin a unha noite de rock insolente que saciou e non deixou con fame a ninguén.

Aínda que eu outra tomáballe.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: