A paixón non morre cos anos

Caricatura

Esta é a lección que todos deberiamos aprender tras escoitar a Son do Mar, o trío de armonicistas máis vello de Europa. Sí, como escoitades, aseguran ser o grupo máis experimentado do vello continente e, ademais, son galegos.  Miguel de Santiago, Cheché Goicoa (ambos de Vigo) e Baldomero Lis (O Grove) forman este orixinal trío musical que deleitou ó público do Dado-Dadá o pasado sábado contra o noitiña.

Ós seus 72, 76 e 70 anos, respectivamente, os artistas pontevedreses amosaron o seu maxistral manexo dun sinfín de armónicas afinadas en distintas notas. Bandas sonoras de cine, cancións populares, boleros, cumbias… ningún xénero musical se lle resiste ós tres artistas, que levan dende a súa nenez cun destes instrumentos entre as mans e o ritmo no corpo.

Á súa cabeza, Miguel de Santiago, tamén director titular da Orquestra de Cámara de Vigo, foi o encargado de ofrecer ó público unhas nocións básicas acerca das peculiaridades dos distintos modelos de armónica cos que interpretan habitualmente os temas.

concerto_dado_dada_marzo

Entre moitas outras, as armónicas cromáticas, coas que son capaces de simular o son doutros instrumentos, foron as escollidas para tocar grandes melodías da historia do jazz, como as de Cole Porter ou a coñecidísima banda sonora do filme El golpe.

O resultado, unha noite non exenta de sorpresas no que Son do Mar fixo gala dun amplo repertorio de rexistros, chegando a interpretar un tema popular galego co modelo de armónica máis pequeno do mundo.

Malia que o trío pontevedrés está a piques de sacar un novo disco (o anterior non saiu á venda, xa que foi obsequio de causas benéficas), recomendámosvos velos en directo: a emoción nos seus ollos, a axilidade das mans, o ritmo nos pés… Unha oportunidade única cos amantes deste instrumento non deberían perder e que logra encher a sala da serenidade que caracterizou sempre a nosa terra.

Comments
One Response to “A paixón non morre cos anos”
Trackbacks
Check out what others are saying...
  1. […] Son do Mar: A paixón non morre cos anos acouga.wordpress.com/2012/03/12/a-paixon-non-morre-cos-anos/  por raxozorza hai 2 segundos […]



A %d blogueros les gusta esto: